viernes, 22 de febrero de 2019

CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO






O 24 de maio Rosalía de Castro cumpliría 182 anos. Hoxe quixemos celebrar o aniversario desta galega universal no noso centro.
Rosalía foi unha pioneira en varios asuntos: escribir sendo muller, escribir en galego, non conformista coa época que lle tocou vivir, e pódese dicir que foi a primeira feminista recoñecida, pois a súa loita pola igualdade das mulleres e por darlles o valor que realmente tiñan e teñen foi un tema recurrente ao longo da súa obra.

No acto de hoxe, que tivo lugar no patio do centro, leuse un precioso manifesto escrito por Ledicia Costas hai uns anos. Aqui volo deixamos para que o leades, de certo son verbas marabillosas:


"En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía, posúe as cores reveladoras da primeira luz.

Imaxino a Rosalía no S.XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTE"




De seguido, todos xuntos cantamos un poema de Rosalía, "Meniña, es tan fermosa", do libro Cantares Gallegos, foi musicada por Roi Casal e con apoio das rapazas de 3º e 4º de ESO, interpretámos ao unísono a fermosa canción.


Pero a Rosalía queremos facerlle outro agasallo e todos os grupos do colexio aclamamos  conxuntamente o máis renomado poema da escritora: "Adiós ríos, adiós fontes".

No hay comentarios:

Publicar un comentario