Rosalía, a nosa rosa de cen follas, que segue tan viva
hoxe coma o día do seu nacemento hai 183 anos, é homenaxeada no noso centro con
este xardín, cheo de versos e cor.
Todo o colexio estivo arredor da figura da galega máis ilustre para mostrarlle a súa admiración por todo o que contribuiu á defensa de Galicia e da súa lingua.
Ricardo, alumno de 4º dee ESO recitou o poema "A rosa de cen follas" de Rosalía como representación da imaxe que lle queriamos dar este ano, crear un xardín de versos ao seu arredor.
Foi Martín de 1º de ESo quen leu un manifesto a prol da figura da escritora:
A súa persoa foi tan importante en tantos campos que ata
temos no noso ceo unha estrela que leva o seu nome.
Non podemos esquecer que foi Rosalía, a primeira
muller recoñecida que quixo que o galego estivera presente nas obras escritas,
foi a pioneira do chamado Rexurdimento.
Debedes pensar que non o tivo fácil nun mundo, o
literario, dominado polos homes. Pero ela foi, sen dúbida, a primeira flor que
dou paso a xeracións de escritoras galegas.
Rosalia falou nos seus versos de emigración, de pena,
de amor, de saudade, de opresión , de caciquismo, de desigualdade ...... temas
que , desgraciadamente, non pasaron de moda.
E por isto é que necesitamos ser o que foi Rosalía,
ela foi e é a brisa que move as nosas flores, a brisa que chega do pasado para
falarnos do futuro, unha brisa que nos invita a ser rebeldes coma ela o foi, a
pensar diferente, a manifestarnos en contra da inxustiza, a ser nós mesmos sen adornos.
É desde aquí invítovos a facer que o legado de
Rosalía, a fala, os versos, a alma de Galicia, non teña que buscar un día para
ser celebrado; que sexa tan normal pensar, falar e escribir en galego que non
lle teñamos que dedicar un día á nosa Embaixadora Rosalía, nin ao día das
Letras Galegas.
Sexamos Rosalía todos os días, sexamos Rosas de Cen
Follas.