viernes, 22 de febrero de 2019

CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO






O 24 de maio Rosalía de Castro cumpliría 182 anos. Hoxe quixemos celebrar o aniversario desta galega universal no noso centro.
Rosalía foi unha pioneira en varios asuntos: escribir sendo muller, escribir en galego, non conformista coa época que lle tocou vivir, e pódese dicir que foi a primeira feminista recoñecida, pois a súa loita pola igualdade das mulleres e por darlles o valor que realmente tiñan e teñen foi un tema recurrente ao longo da súa obra.

No acto de hoxe, que tivo lugar no patio do centro, leuse un precioso manifesto escrito por Ledicia Costas hai uns anos. Aqui volo deixamos para que o leades, de certo son verbas marabillosas:


"En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía, posúe as cores reveladoras da primeira luz.

Imaxino a Rosalía no S.XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTE"




De seguido, todos xuntos cantamos un poema de Rosalía, "Meniña, es tan fermosa", do libro Cantares Gallegos, foi musicada por Roi Casal e con apoio das rapazas de 3º e 4º de ESO, interpretámos ao unísono a fermosa canción.


Pero a Rosalía queremos facerlle outro agasallo e todos os grupos do colexio aclamamos  conxuntamente o máis renomado poema da escritora: "Adiós ríos, adiós fontes".

martes, 19 de febrero de 2019

OUTRO ANO MÁIS ...... O MANDADIÑO CHEGA ATA NÓS!!!!





A partir do próximo luns, o Mandadiño chega para acompañarnos durante o Entroido.
Este personaxe, que estará no patio para que o poidades ver, iranos indicando que prendas teremos que vestir do luns ao xoves, lembrade que todo é acumulativo, eh!

Luns: algo na cabeza, pode ser un sombreiro, una perruca, ......


Martes: algo no pescozo, pois un colar, una garavata, un lazo de nó , ..........


Mércores : algo que tape os ollos, un antifaz, uns lentes.......


Xoves: a cara pintada con pecas!

E o venres................... FESTA!!!!!

Lembrade, no Entroido todo é festa e diversión!!!

domingo, 17 de febrero de 2019

O AMOR ESTÁ NO AIRE!


O 14 de febreiro celebrouse o San Valentín, e, aínda que creamos que o amor ten que estar presente todos os días, os nosos rapaces encheron a Árbore da Lingua de corazóns con fermosas mensaxes que ata Cupido tería envexa delas por esta data sinalada.
Aquí vos deixamos unha pequenísma mostra, pois eran moitas e o espazo pequeño.









sábado, 9 de febrero de 2019

Palabras de amor



Palabras de amor sinxelas e tenras.
Non sabíamos máis, tiñamos quince anos.
Non tiveramos tempo demasiado tempo para aprendelas,
Acabábamos de espertar do sono dos nenos.



O equipo de DL propón que escribas en galego esa primeira carta de amor ou de amizade que tantas veces estiveches a piques de escribir e á que lle deches tantas voltas na cabeciña.
Unha vez escrita daslla a calquera membro do equipo de Dinamización e recibirás un pequeniño agasallo.

Pero todo isto ten un prazo: o mesmo día de San Valentín! Así que agardámosvos con ansia. Quizais poidades emocionarnos, facernos rir, transportarnos ao pasado, facernos morrer de envexa.... Xa se sabe: son palabras de amor.

Exporémolas na nosa árbore da Lingua coma sempre.

Para inspirarvos podedes escoitar esta fermosísima versión da canción de Joan Manuel Serrat, na voz de Alberto Cunha:

http://www.youtube.com/watch?v=aEHm3FPn0u0

viernes, 8 de febrero de 2019

O GALIQUINCE







Ola a todo o mundo!
Dende Dinamización Lingüísta propoñemosvos un reto: que todos os quince de cada mes se fale galego en todas as sesións lectivas e mesmo no patio.
Queremos que o galego non desapareza e observando o noso centro e a nosa contorna , podemos comprobar que o seu uso vai diminuíndo aceleradamente, é por iso que queremos frear este fenómeno e para iso contamos coa vosa colaboración.
Desde logo, o galego poderá estar presente todos os días no cole, pero queremos que os "quince" sexa un acto colectivo, toda a nosa comunidade educativa compartindo a mesma lingua.

Será marabilloso, non coidas?

Ánimo!!

martes, 5 de febrero de 2019

TRABALLANDO POLA PAZ


Este mes de xaneiro tamén se traballou pola Paz desde o equipo de Dinamización Lingüística.
Todos os niveis educativos do noso centro, encheron a nosa árbore de mensaxes a prol da Paz.
Desde aquí gustaríanos que este día non fora lembrado soamente por unha data en concreto, que fagamos de  todos os días o día da Paz.
Deixámosvos varias fórmulas:
1. Saudar todas as mañáns cun bos días e un sorriso.
2. Axudar aos compañeiros cando o precisen.
3. Dar una aperta de corazón.
4. Non berrar para pedir as cousas.
5. Poñervos no lugar dos demais para poder sentir o que eles.

E así un montón de cousas máis que poden facer que a Paz estea entre nós!