lunes, 24 de febrero de 2025

DÍA DE ROSALÍA 2025


 Como cada 23 de febreiro, en todos os recunchos de Galicia, celébrase o día de Rosalía de Castro, a embaixadora máis internacional das nosas letras.

Hoxe, un día despois, celebramos esta festa no noso colexio; este ano temos a unha Rosalía heroína cuxa arma secreta é a PALABRA.

Rosalía é unha autora que esta de actualidade por moitos anos que pase, no seu tempo falou do problema do machismo, da emigración, da saudade por saír da patria, das desigualdades sociais..... . Entón o que fixemos en todas as clases foi analizar os versos da autora e os que poderían ser escritos hoxe en día, plasmáronse nun papel e construímos unha fermosa estampa.




O acto propiamente dito foi presentado polo compañeiro Pablo que nos fixo un resumo do ideario de Rosalía.


De seguido, Cayetana e Héctor leron un manifesto no que facían fincapé en estar orgullosos do que temos, do que somos e da lingua que falamos.


Finalmente, para rematar o acto, tivemos a actuación do coro do colexio que interpretaron "Adiós ríos, adiós fontes", puxeron un punto e final brillante.




Pero a celebración continuou á hora de comer, xa que como todos os anos, compartiuse un riquísmo "Caldo de gloria".




Para rematar, só lembrar unha reflexión de Rosalía: "BEN OU MAL, FALADE GALEGO"

martes, 18 de febrero de 2025

O MANDADIÑO DE 2025

 



Chega o entroido un ano máis, e con el, o noso Mandadiño non para de pedirnos cousas.
Que será este curso?

LUNS comeza con algo na cabeza.
MARTES, unha capa con moita arte.
MÉRCORES para o noso gozo, trae algo no pescozo.
XOVES, aínda que teñas moito estrés, trae algo nos pés.

É moi doado facerlle caso ao Mandadiño, así que.....ANIMÁDEVOS!!!!

lunes, 10 de febrero de 2025

Poesía Escurecida


 

En homenaxe a Castelao polo 75 aniversario da súa morte, os alumnos de 4º de ESO crearon "poesía escurecida" a partir da censura de partes do texto de "Sempre en Galiza", a principal obra política de Castelao.

En que consiste a "poesía escurecida"? Pois, fotocópiase calquera páxina da obra do autor e vaise riscando en cor negro, de xeito que só fiquen ao descuberto algunhas palabras que conformen unha poesía.

Esta acción relaciónase coa censura que sufriu o texto de Castelao durante o franquismo.

O resultado foi unhas fermosas poesías reivindicativas como podedes ver neste exemplo:


Galegos,

Nós non somos incapaces.

Os galegos síntense partículas de Galiza.


Galiza.

fala o seu idioma

aínda que sempre lle dixeron

que o castelán era mellor.


A Lingua, 

é un eco dos sentimentos dun pozo.

A fala é o primnordial

alutina e caracteriza ao grupo.


O apagamento dunha lingua 

é a rendición da dignidade.


Pois así cada unha das poesías que están exposta na nosa "Árbore da Lingua".





martes, 19 de noviembre de 2024

CIENCIA EN GALEGO

Cando falamos de ciencia e científicos, adoitamos pensar en aquí non facemos nada tan importante e de relevancia como nos EEUU ou outros países. Pois nada máis lonxe da realidade.

Científicos galegos son punteiros en diversas disciplinas e están recoñecidos a nivel internacional. 

Para dar visibilidade a este colectivo, para celebrar a Ciencia en Galego, os alumos de 3º ESO buscaron científicos/as galegos importantes e de renome nalgunha disciplina.

Elaboraron un mural que colgamos na Árbore da Linguaa, o noso recuncho de Dinamización Lingüística.






martes, 12 de noviembre de 2024

SAN MARTIÑO 2024

Onte, luns 11 de novembro de 2024, o noso alumnado festexou unha das festas máis tradicionais da nosa cultura: o San Martiño. 

Tal e como é tradición no noso centro, animamos ao alumnado a traer buxainas para xogar no recreo. O resultado foi marabilloso!

Deixamos unhas fotografías para que o comprobedes vós mesmos.







Vémonos!

miércoles, 30 de octubre de 2024

VISITA DE FRANCISCO CASTRO

 

O pasado luns día 28 de outubro, o autor Francisco Castro visitou o noso centro escolar para partillar co alumnado de 1º e 2º da ESO sobre dous dos seus libros máis coñecidos: Chamádeme Simbad e Xoán, Xoana. 


O alumnado destes cursos está a ler esas obras durante esta avaliación na materia de Lingua Galega.

Para prepararnos ben para esta visita, estivemos a pescudar algo de información relevante sobre a vida e a obra do autor. Asemade, preparamos unha batería de preguntas sobre aspectos que nos provocaban certa curiosidade: por que escolleu temas como o Alzhéimer ou a discriminación por razóns de xénero para as súas novelas? De onde ven a inspiración para escribir un libro? Seguen os escritores algún tipo de ritual no seu proceso creativo?




Partillamos durante un bo pedazo todos xuntos e desfrutamos moito da súa compañía e do seu bo humor.

Desexamos que a experiencia fose satisfactoria para todos e que poidamos repetir nun futuro.

Saúdos.




SAMAÍN 2024


 




Un ano máis, quixemos festexar co noso alumnado a chegada do outono e, aproveitando o Magosto, dende o Equipo de Dinamización Lingüística quixemos propor unha actividade tamén para festexar o Samaín, tradición celta que se exportou a Estados Unidos e acabou evolucionando ao Halloween actual. 

A proposta consistía en elaborar un mural decorativo de inspiración terrorífica. Coa axuda da profe Ana de Plástica, quen se encargou de elaborar o bosquexo do noso mural, o alumnado de 4º da ESO encargouse de pintalo con témpera. Para completar a decoración, cada curso encargouse dun obxecto decorativo. Así foi como repartimos o traballo:
  • o alumnado de EI pintou follas de outono para decorar a nosa árbore; 
  • o alumnado de 1º e 2º de EP pintou morcegos; 
  • o alumnado de 3º e 4º de EP pintou pantasmas; 
  • o alumnado de 5º e 6º de EP pintou lápidas e gatos negros; 
  • o alumnado de 1º e 2º da ESO pintou bruxas e druidas; 
  • o alumnado de 3º e 4º da ESO pintou cabazas;
  • e o alumnado de Ciclos Formativos colaborou elaborando os caldeiros das bruxas. 
Asemade, unha alumna de Ciclo trouxo a pantasma grande que podedes observar na marxe superior dereita do mural. Unha marabillosa guinda para o noso "pastel".

O resultado foi moi satisfactorio. Entre todos e todas conseguimos un precioso mural de Samaín que decorou hoxe unha das nosas paredes do patio mentres celebrábamos o tradicional Magosto.

Desexamos que todos e todas desfrutasen moito desta tarefa cooperativa e que o resultado sexa do voso agrado.

Feliz Samaín 2024.