Hoxe ás 11 da mañá, na Facultade de Filoloxía de A Coruña, tivo lugar a 11ª edición dos premios de Relato Curto patrocinado por Coca-Cola.
Atá alí foron as nosas alumnas de 2º de ESO Clara Zapatero e Sabela R. O acto foi presentado pola Decana da Facultade, dona Mª Jesús Lorenzo, no seu discurso animou ao alumnado presente a seguir escribindo, pois abre as mentes e os corazóns.
De seguido presentouse o tema deste ano:durante dúas horas e media debían relatar una historia que levara catro das seis palabras seguintes: Saudade, Solpor, Beizos, Fervenza, Mergullar, Acariñar.
As palabras viñan dentro dunha mini botella do famoso refresco, botella feita con materiais reciclables e o papel que contiña estaba feito dun material especial para que non se borraran as letras.
Mentres os rapaces estaban concentrados realizando o relato, os profesores acompañantes tivemos o grande pracer de asistir a un taller onde se mesturaron partes lúdicas e pedagóxicas do teatro, dirixido pola profesora e actriz Estíbaliz Veiga.
Unha vez rematado o tempo da escrita, os rapaces puideron degustar un rico aperitivo ofrecido pola marca de refrescos.
Os equipos de Dinamización Lingüística e Biblioteca decidimos este ano conmemorar o 8 de marzo organizando unha gran exposición das mulleres que son referentes das nosas vidas. Todos os alumnos colaboraron cunha fotografía e un sinxelo texto nesta mostra que se pode ver estes días no patio. Sirva como homenaxe e recoñecemento a todas elas este manifesto que leron os alumnos no acto do patio ese mesmo día:
Ogallá non tiveramos que recordar nada este día, ogallá non houbera pancartas nin berros nas rúas, ogallá non houbera desprezo, discriminación ou violencia por cuestión de xénero. Ogallá non houbera 8 de marzo porque iso significaría que homes e mulleres somos iguais, nunca mellores, I-GUAIS. Pero a realidade é que as mulleres de todo o mundo seguen en loita contra os patróns machistas no traballo, na rúa e na casa.
Este ano, hoxe, decidimos mirar ao noso carón. Esta exposición que vedes no patio é a nosa homenaxe ás mulleres das nosas vidas. Non saen nas portadas nin lles dan titulares pero se merecen o mellor dos premios.
Dedicámosllo a:
-Ás nosas nais:
As veces esquecémonos de que no son só nais. Si, preocúpanse por nós e dannos todo o mellor. Pero tamén son mulleres, mulleres que pelexan día a día por realizarse profesionalmente, independentes, que cobran menos e traballan máis, cuxa dignidade está por enriba de todo.
-Ás nosas avoas e bisavoas que o tiveron máis difícil, que estiveron á sombra e foron invisibles, que atoparon barreiras e portas pechadas, que non puideron protestar. Sempre valentes abríronnos o camiño.
-Ás nosas compañeiras, que buscan un mundo máis aberto, máis tolerante, cheo de oportunidades no que se desterre o insulto, no que se venzan os medos, no que ninguén chefaga sentir inferior.
-Ás nosas tías, adestradoras, profesoras, amigas, a todas esas mulleres que nos inspiran.
-Ás nosas alumnas e alumnos porque a desigualdade é inaceptable, porque a educación, a boa educación é a base desta revolución. Porque estamos convencidos de que a igualdade se conseguirá dende as aulas.
Un ano máis o Entroido chegou ao seu fin, pero coma sempre deixando un bo sabor de boca, e non o dicimos polas orellas e freixós destes días...eh!
Durante toda a semana pasada, os rapaces do colexio cumpriron o mandato do Mandadiño e viñeron ataviados como estaba prescripto: un día algo na cabeza, outro no pescozo, nos ollos e unas fermosas pecas para finalizar.
Fixéronse moitas fotos e aquí vai una pequeña mostra delas.
Xa estamos agardando con curiosidade polo Mandadiño do ano que vén!
O 24 de maio Rosalía de Castro cumpliría 182 anos. Hoxe quixemos celebrar o aniversario desta galega universal no noso centro.
Rosalía foi unha pioneira en varios asuntos: escribir sendo muller, escribir en galego, non conformista coa época que lle tocou vivir, e pódese dicir que foi a primeira feminista recoñecida, pois a súa loita pola igualdade das mulleres e por darlles o valor que realmente tiñan e teñen foi un tema recurrente ao longo da súa obra.
No acto de hoxe, que tivo lugar no patio do centro, leuse un precioso manifesto escrito por Ledicia Costas hai uns anos. Aqui volo deixamos para que o leades, de certo son verbas marabillosas:
"En
Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa,
luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía, posúe as cores
reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no S.XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen
complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante:
fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos
predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do
inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin
ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza
dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume,
emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe
portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia
machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de
solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na
vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como
escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz.
Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas
ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña
patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo,
dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da
auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de
escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe
queremos agasallar ao mundo. RosalíaTE"
De seguido, todos xuntos cantamos un poema de Rosalía, "Meniña, es tan fermosa", do libro Cantares Gallegos, foi musicada por Roi Casal e con apoio das rapazas de 3º e 4º de ESO, interpretámos ao unísono a fermosa canción.
Pero a Rosalía queremos facerlle outro agasallo e todos os grupos do colexio aclamamos conxuntamente o máis renomado poema da escritora: "Adiós ríos, adiós fontes".
A partir do próximo luns, o Mandadiño chega para acompañarnos durante o Entroido.
Este personaxe, que estará no patio para que o poidades ver, iranos indicando que prendas teremos que vestir do luns ao xoves, lembrade que todo é acumulativo, eh!
Luns: algo na cabeza, pode ser un sombreiro, una perruca, ......
Martes: algo no pescozo, pois un colar, una garavata, un lazo de nó , ..........
Mércores : algo que tape os ollos, un antifaz, uns lentes.......
O 14 de febreiro celebrouse o San Valentín, e, aínda que creamos que o amor ten que estar presente todos os días, os nosos rapaces encheron a Árbore da Lingua de corazóns con fermosas mensaxes que ata Cupido tería envexa delas por esta data sinalada.
Aquí vos deixamos unha pequenísma mostra, pois eran moitas e o espazo pequeño.
Palabras de amor sinxelas e tenras.
Non sabíamos máis, tiñamos quince anos.
Non tiveramos tempo demasiado tempo para aprendelas,
Acabábamos de espertar do sono dos nenos.
O equipo de DL propón que escribas en galego esa primeira carta de amor ou de amizade que tantas veces estiveches a piques de escribir e á que lle deches tantas voltas na cabeciña.
Unha vez escrita daslla a calquera membro do equipo de Dinamización e recibirás un pequeniño agasallo.
Pero todo isto ten un prazo: o mesmo día de San Valentín! Así que agardámosvos con ansia. Quizais poidades emocionarnos, facernos rir, transportarnos ao pasado, facernos morrer de envexa.... Xa se sabe: son palabras de amor.
Exporémolas na nosa árbore da Lingua coma sempre.
Para inspirarvos podedes escoitar esta fermosísima versión da canción de Joan Manuel Serrat, na voz de Alberto Cunha: