miércoles, 30 de octubre de 2019

O SAMAÍN DAS LETRAS!!!


Coa chegada do outono, chega o tempo da vendimia, das castañas, das longas noites de choiva, vento e frío. Pero tamén é o tempo do SAMAÍN, un tempo de tradicións e sobre todo, de medo, de moito medo.

E ese foi o tema dos microrrelatos feitos polo alumnado de Secundaria. Houbo moitos e moi bos, que ao seren lidos aos compañeiros producían calafríos e caras de medo.  Case todos acontecían de noite, con néboa, pasos que se aproximaban , coitelos e sangue, moita sangue. Aqui deixamos algún exemplo:




Pero neste Samaín non só traballaron os rapaces maiores, os máis pequenos, os de EP e EI tamén aportaron os seus traballos, fixeron contos en cooperativo, con elementos do Samaín escribiron relatos , formaron un bosque encantado, investigaron sobre adiviñas e ditos sobre esta festa milenaria. Velaquí algo do que fixeron:




Pero non todo foi traballar, pois todo o colexio gozou dun magosto cheo de castañas, xogos, contos...... 
O Samaín e o Magosto son festas tradicionais galegas que nunca se deberían perder porque aprendendo dos antergos valoraremos máis a nosa cultura que é o que nos conforma como GALEGOS.

viernes, 25 de octubre de 2019

POLO SANTO ANTÓN, PEÓNS AO CAIXÓN!!








O peón, tamén chamado trompo, buxaina, bailarete, sevillana… é un xoguete de madeira que leva na súa punta un cravo de ferro (o ferrón) que fai que vire con xeito.

Para poder practicar este xogo, precísase tamén dunha piola, unha corda que se amarra arredor do enredo que fará posible o baile do peón. A parte de arriba chámase “pirucho” e a máis ancha é a “barriga”.
 

Pois este pasado xoves, día de San Antón, os rapaces e rapazas do noso colexio puxéronse mans á obra , e na hora do recreo puxéronse a bailar os seus peóns.
Os maiores con máis maestría, pero a rapazada pequena non quedaba atrás e puxeron ganas á hora de sacar todo o seu arte cada vez que tiraban da piola.

E como ás veces  vale máis unha imaxe que mil palabras, aquí deixamos algunhas das fotos recollidas ese día:









viernes, 18 de octubre de 2019

OS NOSOS NOMES GALEGOS



O noso nome é un elemento máis de apego ás nosas familias e ás súas orixes, é algo que nos identifica e individualiza ao longo da nosa vida e que nos vai relacionar coa xente, coa contorna e co mundo. En épocas pasadas houbo un empeño en substituír e invisibilizar os nosos nomes propios coa finalidade de que non soasen a galego e, agora, recuperalos contribúe a manter viva a historia e a tradición do noso país.

O noso colexio está cheo de fermosísimos nomes galegos, todos eles teñen un significado que vai en relación co que nós somos. Se queres saber o que significa o teu nome galego só tes que achegarte á nosa árbore e alí verás o que quere dicir o teu nome.














CHEGOU O "GALIQUINCE!"

Este é o segundo ano que poñemos en marcha o noso "Galiquince", quizais aínda non esteas ao corriente de que se trata, pois ben, co gallo de dinamizar e promover o uso da nosa lingua, todos os quince de cada mes comprometémonos a falar en galego durante toda a xornada escolar.

Desde o momento primeiro no colexio que é a visita da mañá, todas as persoas que formamos parte do colexio intentamos falar en galego. A algunhas cústalles máis que a outras, pois como non o utilizan a cotío, supón un grande esforzo.

Só queremos desde o equipo de Dinamización Lingüística que quede patente que a nosa lingua serve o mesmo para comunicarnos que outras, que se pode dar clase, aprender, xogar, cantar, e gozar de todo na nosa lingua.

Así que vos animamos a que todos os días sexan Galiquince!









sábado, 25 de mayo de 2019

PREMIO "RELATO CURTO"

Nun marco fermosisímo, Os Escolapios de Monforte, tivo lugar onte a entrega de premios do 11º Concurso Novos Talentos- Premios Relato Curto, e unha das nosas alumnas de 2º ESO obtivo un terceiro premio que nos soubo moi ben.

Corría o mes de marzo cando os rapaces de 2º de ESO de toda Galicia eran convocados para concursar na 11ª edición dos Novos Talentos de Relato Curto patrocinado por Coca-cola. De entre máis de 600 aspirantes, 21 rapaces das diferentes provincias foron chamados para ser galardoados e de entre eles , un só sería o gañador autonómico.

A nosa alumna S.R.B quedou terceira da provincia da Coruña, un posto que nos soubo a triunfo , xa que a ilusión e o orgullo xa non llo pode arrebatar ninguén.
O acto comezou ás catro e media da tarde cunha visita guiada ao "Escorial galego", foi o cardenal Castro quen ordenou a súa construcción entre finais do século XVI e o principio do XVII. Ten un impoñente estilo "herreriano" na fachada. Os primeiros en rexentalo non foron os Escolapios senón os Xesuítas pero foron expulsados no século XVIII e a propiedade recaeu na Casa de Alba. Tamén nos chamou moito a atención a súa pinacoteca con obras de Goya e unha copia dun cuadro do pintor flamenco Hugo van der Goes, a peza orixinal tamén estaba alí, pero foi vendida para sufragar as obras de reforma no edificio despois do gran terremoto de Lisboa.


Despois da visita , tivo lugar a entrega de premios, no claustro do colexio. Varias personalidades da cultura e da política galega estiveron presentes no acto.
Coca-cola otorgou  premios a todos os rapaces con agasallos de actualidade: gafas de realidade virtual, patíns eléctricos, cámaras de fotos intantáneas.... pero o primeiro premio foi unha viaxe a Escocia! Desde aquí dámoslle a noraboa á rapaza gañadora, desexando que algún día recaia nun alumno do noso centro.





Para finalizar a xornada, os patrocinadores agasalláronnos cunha degustación de produtos galegos.
Foi un día inolvidable para a nosa gañadora. Parabéns!