viernes, 6 de diciembre de 2019

ADIVIÑAS DE OUTONO







Un ano máis por estas datas celébrase no noso colexio o Concurso de Fotografía Descritiva de Outono. Este curso a temática foi de adiviñas relacionadas con froitos de outono.
Foron moitos os rapaces que se animaron a participar no concurso, pero na nosa Árbore da Lingua só se puideron colgar as màis orixinais.
Despois de que todos os integrantes do Equipo de Dinamización debatísemos cal era a mellor adiviña e a que estivera máis en consonancia coa fotografía, os gañadores foron  Héctor de 5º de EP e Lara de 3º ESO.

Velaquí algunhas das adiviñas e as gañadoras,


Adiviña de Hector de 5º de EP
Adiviña de Lara de 3º de ESO

sábado, 16 de noviembre de 2019

POLO SANMARTIÑO........PEÓNS AO CAMIÑO

Eu quero bailar polo sanmartiño,
polo sanmartiño eu quero danzar,
enrólame a capa con xeito e con graza
e con elegancia desenrolamá.
 
Quero bailar na man dun meniño
e dunha nena na palma da man
que se non bailo polo sanmartiño
queda o camiño sen bo camiñar.


O refraneiro recórdanos que polo San Martiño (11 novembro), peóns ao camiño; polo Santo André (30 novembro), trompos outra vez; polo San Amaro (15 xaneiro), peóns ao tellado; polo Santo Antón (17 xaneiro), peóns ao caixón; pola Santa Olalla (12 febreiro), peóns á borralla; e polas Pascuas, trompos ás ascuas…

Moitos dos xogos tradicionais galegos son xogos estacionais, é dicir, xóganse nunha determinada época do ano e non noutra. Pero se algún deles ten o momento do seu protagonismo ao longo do ano perfectamente marcado, ese é o peón. 
É por iso que a nosa rapazada toma en serio o refraneiro galego para continuar coas tradicións e, cada un destes días, gozan nos recreos de "bailar" o peón ou buxaina.



Pero non mes de novembro non todo son trompos e buxainas, o refraneiro tamén nos indica que "A cada porquiño lle chega o seu Sanmartiño", que quere dicir isto? Pois que neste mes se realízan as matanzas, antes eran verdadeiras celebracións, reunión de familias e amigos que xuntos organizaban a mata do porco, o seu despece e, sobre todo, xantar e gozar todos xuntos.
O equipo de Dinamizacion colocou un porquiño no patio para que a rapazada coñecera de onde proveñen os produtos tan saborosos dos que nos alimentamos cada día.

miércoles, 30 de octubre de 2019

O SAMAÍN DAS LETRAS!!!


Coa chegada do outono, chega o tempo da vendimia, das castañas, das longas noites de choiva, vento e frío. Pero tamén é o tempo do SAMAÍN, un tempo de tradicións e sobre todo, de medo, de moito medo.

E ese foi o tema dos microrrelatos feitos polo alumnado de Secundaria. Houbo moitos e moi bos, que ao seren lidos aos compañeiros producían calafríos e caras de medo.  Case todos acontecían de noite, con néboa, pasos que se aproximaban , coitelos e sangue, moita sangue. Aqui deixamos algún exemplo:




Pero neste Samaín non só traballaron os rapaces maiores, os máis pequenos, os de EP e EI tamén aportaron os seus traballos, fixeron contos en cooperativo, con elementos do Samaín escribiron relatos , formaron un bosque encantado, investigaron sobre adiviñas e ditos sobre esta festa milenaria. Velaquí algo do que fixeron:




Pero non todo foi traballar, pois todo o colexio gozou dun magosto cheo de castañas, xogos, contos...... 
O Samaín e o Magosto son festas tradicionais galegas que nunca se deberían perder porque aprendendo dos antergos valoraremos máis a nosa cultura que é o que nos conforma como GALEGOS.

viernes, 25 de octubre de 2019

POLO SANTO ANTÓN, PEÓNS AO CAIXÓN!!








O peón, tamén chamado trompo, buxaina, bailarete, sevillana… é un xoguete de madeira que leva na súa punta un cravo de ferro (o ferrón) que fai que vire con xeito.

Para poder practicar este xogo, precísase tamén dunha piola, unha corda que se amarra arredor do enredo que fará posible o baile do peón. A parte de arriba chámase “pirucho” e a máis ancha é a “barriga”.
 

Pois este pasado xoves, día de San Antón, os rapaces e rapazas do noso colexio puxéronse mans á obra , e na hora do recreo puxéronse a bailar os seus peóns.
Os maiores con máis maestría, pero a rapazada pequena non quedaba atrás e puxeron ganas á hora de sacar todo o seu arte cada vez que tiraban da piola.

E como ás veces  vale máis unha imaxe que mil palabras, aquí deixamos algunhas das fotos recollidas ese día:









viernes, 18 de octubre de 2019

OS NOSOS NOMES GALEGOS



O noso nome é un elemento máis de apego ás nosas familias e ás súas orixes, é algo que nos identifica e individualiza ao longo da nosa vida e que nos vai relacionar coa xente, coa contorna e co mundo. En épocas pasadas houbo un empeño en substituír e invisibilizar os nosos nomes propios coa finalidade de que non soasen a galego e, agora, recuperalos contribúe a manter viva a historia e a tradición do noso país.

O noso colexio está cheo de fermosísimos nomes galegos, todos eles teñen un significado que vai en relación co que nós somos. Se queres saber o que significa o teu nome galego só tes que achegarte á nosa árbore e alí verás o que quere dicir o teu nome.














CHEGOU O "GALIQUINCE!"

Este é o segundo ano que poñemos en marcha o noso "Galiquince", quizais aínda non esteas ao corriente de que se trata, pois ben, co gallo de dinamizar e promover o uso da nosa lingua, todos os quince de cada mes comprometémonos a falar en galego durante toda a xornada escolar.

Desde o momento primeiro no colexio que é a visita da mañá, todas as persoas que formamos parte do colexio intentamos falar en galego. A algunhas cústalles máis que a outras, pois como non o utilizan a cotío, supón un grande esforzo.

Só queremos desde o equipo de Dinamización Lingüística que quede patente que a nosa lingua serve o mesmo para comunicarnos que outras, que se pode dar clase, aprender, xogar, cantar, e gozar de todo na nosa lingua.

Así que vos animamos a que todos os días sexan Galiquince!