viernes, 26 de noviembre de 2021

XVII XORNADA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA


Un ano máis, os Coordinadores de Dinamización Lingüística dos colexios de Escolas Católicas reunímonos para celebrar as Xornadas de Dinamización. Este ano é especial, pois é o 30 aniversario da aparición dos equipos de DL nos centros educativos de toda Galicia.

A inauguración da xornada foi levada a cabo pola secretaria autonómica de Escolas Católicas Juana Otero, polo secretario xeral de Política Lingüística Valentín García e pola presidenta do Consello da Cultura Rosario Álvarez. 


A primeira ponencia estivo a cargo do inspector Educativo Elisardo López. O poñente falou sobre o labor desenvolvido polos equipos de Dinamización, antes Normalización, nestes 30 anos de existincia, tamén aclarou o papel que desempeñarán no futuro inmediato á luz do novo currículo da Lomloe.


Débora Álvarez, como directora do proxecto "As Letras de Florencio", achegounos á vida e obra do homenaxeado nas vindeiras Letras Galegas: Florencio Delgado Gurriagán. Destacou como a comarca de Valdeorras, de onde era orixinario Gurriagán, queda reflectida ao longo da súa obra.


Una das experiencias mostradas nesta edición foi a de "Despedindo a Xela Arias" , onde Patricia Romasanta e Chelo Devesa das Carmelitas de Ourense amosáronnos traballos feitos polo alumnado arredor da figura de Xela Arias.

 

Retomando o tema de Florencio Delgado Gurriagán, Josefa Domínguez do colexio Divina Pastora do Barco de Valdeorras mostrounos como toda a comunidade educativa e o pobo do Barco se involucraron na candidatura de Florencio como homenaxeado das Letras Galegas. Todo o mundo se implicou na figura do autor e todas as festas, actos públicos e actividades ían dirixidas a facer do poeta un posible candidato para o día das Letras.


Chegou a hora de dar os premios "Irmán Reboiras" as mellores iniciativas de fomento do galego. Este ano recaeron en Divina Pastora de Ourensa e o Cluny de Santiago. O primeiro por fomentar a música en galego e o segundo polo seu plan de bibliotecas , o "Galeoteca". Parabéns aos nosos compañeiros destes colexios.




E xa chegamos ao broche final. Este ano os homenaxeados foron os "Raparigos de Ferrol", banda de gaiteros que levan 50 anos levando a súa música tradicional por todo o mundo. É especial para nós porque o grupo é de Ferrol, e nós como colexio pertencemos a esa zona en canto á Dinamización Lingüística, así que tamén puxemos o noso gran de area no video co que lle rendemos unha sinceira homenaxe a este grupo de valentes que, aínda cando non se podía, levaban a música e a fala galega alí por onde ían. 




E así, a ritmo de foliada e muiñeira, despedimos as Xornadas de Dinamización ata o ano que vén.



No hay comentarios:

Publicar un comentario