martes, 13 de diciembre de 2022

CONCURSO " O OUTONO DAS PERSOAS"


 

Por estas datas, antes de que comece o inverno, desde Dinamización Lingüística proponse un concurso sobre o outono. Este ano foi un pouco diferente, pois, aínda que as paisaxes deste tempo son marabillosas, quixemos outorgarlle o protagonismo ás persoas.

O noso concurso chamouse "O outono das persoas" e quixemos renderlles unha homenaxe a todas esas persoas que traballaban, divertíanse , xogaban e facían un montón de actividades máis antes dos anos 80.

Pois esa era a premisa , coller unha foto realizada antes dos anos oitenta e describila. Ao principio os rapaces non entendían moi ben a tarefa, pois crían que nas súas casas non había este tipo de fotografías. Fíxoselles entender que só tiñas que preguntar, pois nas casas dos avós e maiores, as fotos son un fío que une lembranzas.

Vexamos uns poucos exemplos:

Labores do campo e redeiros en Pontedeume.

 
Fábrica de chocolate, albaneis, mata do porco e recollida de herba .

Lembranzas



Xogos  

Esta é só unha pequena mostra.

Chegou o momento de votar e foron os profesores do Centro  os que elixiron gañadores. Velaquí os temos:


Falta na imaxe unha rapaza de 6º de EP, Sheila P, que non puido asistir por enfermidade.

Carolina Quintela de 6º EP e a súa foto dos Caneiros.

 
Marcos Rodríguez de 1º ESO coa imaxe da mata do porco en Arzúa.

Aroa Gómez e a súa fotografía de traballos no campo co carro e as vacas.

Grazas a todos os rapaces e rapazas que participaron neste concurso. Foi moi difícil elixir gañadores xa que había traballos moi bos.

lunes, 14 de noviembre de 2022

POLO SAN MARTIÑO..... PERÓNS AO CAMIÑO!



 

Como en cada San Martiño á hora do recere o patio énchese de peóns ou  buxainas bailadoras.

Os rapaces de ESO axudaron aos máis pequenos nesta arte de bailar a buxaina e tamén contamos coa inestimábel colaboración da nosa compañeira Chata, que aínda de xubilada vén vernos e ensinarnos a bailala.

Velaquí algunhas mostras do que fixeron os rapaces.








NO OUTONO CONTAMOS UN CONTO!


 

Con motivo das celebracións de outono (Samaín, Magosto, San Martiño...), os rapaces de 1º ESO escribiron contos para os raparigos de Educación Infantil.

Non foi doada a tarefa xa que debían adaptarse aos receptores e tiñan que atraer a súa atención.

Aínda así, volverán a repetir a experiencia grazas  a este público tan entregado.





 

sábado, 5 de noviembre de 2022

REFRANEIRO DE OUTONO

 

Desde Dinamización Lingüística propuxemos unha actividade para animar estes días de Magostos e de Samaín, consistía en que todo o colexio confeccionara un refraneiro popular sobre cousas que pasan no outono.

Cada clase tiña un tema en concreto: cabazas, castañas, viño, San Martiño, cogomelos, o propio outono, as inclemencias do tempo, San Andrés.....





Todos os refrán estaban colocados ao longo do noso patio, os rapaces podían lelos e aprender dos que foron feitos polas outras clases.

Aquí vos deixamos unha mostra de cada tipo de refrán.








Con esta actividade pretendeuse que o alumnado coñecera a cultura popular dos refrán e o vinculados que están á actualidade que reflicte esta estación do ano.

sábado, 21 de mayo de 2022

UN ESCRITOR INFANTIL NO COLEXIO


 

O alumno de 6º de EP, Daniel Iglesias Domínguez, foi o gañador na súa categoría no Concurso de Literatura Infantil e Xuvenil do Día das Letras Galegas convocado pola Xunta de Galicia.

 Daniel escribiu un fermoso relato sobre unha historia que acontecía nos tellados da Catedral de Santiago. A súa imaxinación e o ben que redacta fixérono gañador fronte a numerosos rapaces de toda Galicia que se presentaron ao Certame.

 

O acto de entrega de premios tivo lugar o pasado venres 20, na sé da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago.




Moitos parabéns para Daniel e a súa profesora María, por animalo a escribir e a participar en tan importante concurso.



jueves, 19 de mayo de 2022

LETRAS GALEGAS 2022


 


O 17 de maio, celébrase en toda Galicia o Día das Letras Galegas. Este ano está dedicado ao escritor Florencio Delgado Gurriarán, e, como en todas ocasións , no noso colexio traballamos sobre a súa figura para coñecer a súa vida e obra.

Xa desde hai algún tempo, as profesoras de Lingua puxéronse a traballar co seu alumnado sobre Florencio Delgado. Así coñeceron que naceu en Córgomo, unha aldea de Valdeorras, que estivo en Palencia e logo en Valladolid por mor do traballo do seu pai e, que unha vez empezou a guerra, fuxiu dela a través de Portugal chegándo a Bordeos (Francia) e desde alí cruzou o Atlántico cara México.

 




 Como podedes ver nas imaxes , todas as etapas estiveron a traballar a conciencia para coñecer ao homenaxeado.



Chegou o gran día da celebración, e o mércores 18 de maio, todo o alumnado reuniuse para homenaxear a Florencio Delgado.

En primeiro lugar, houbo unha teatralización sobre a súa vida e obra por parte de Martín, de 3º de ESO:




Na súa interpretación, Martín comentou como Florencio Delgado tivo que marchar de Galicia a México por mor da Guerra Civil. Os rapaces da ESO quixeron plasmar esa dor da guerra e pedindo a paz, cunha regueifa a coro.


Como todo emigrante, Florencio Delgado , ao chegar a México sentía saudade pola súa terra, de aí que estivera traballando tanto no ámbito da cultura para poder sentila un pouco máis preto. Os rapaces de Educación Primaria interpretaron Morriña de Baiuca, adaptada por Blanca, a profesora de Música.

 

 https://www.youtube.com/watch?v=DFi8q5Q4B_g

 

Case para finalizar, os rapaces de 4º de EP en colaboración cos nenos de EI, leron un poema sobre " Un rato díxolle á Lúa", baseándose no cartel que confeccionaran os raparigos máis pequenos.



 E para rematar non houbo mellor cousa que todos xuntos cantar o noso himno. Con sentimento e poñendo a Lingua galega por bandeira, celebramos un ano máis as nosas Letras.

Mil anos máis para a nosa lingua: O GALEGO!