martes, 26 de diciembre de 2017

OS PREMIOS DO II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DESCRITIVA

Como xa avanzabamos na entrada anterior deste blogue, co gallo de promover a escrita en galego, o equipo de DL convocou o II Concurso de Fotografía Descritiva, este ano o tema eran as árbores de Nadal.
Moitos nen@s participaron de bo grao describíndonos a árbore que adornaba o seu fogar ou outra que lles chamou a atención, coma por exemplo a árbore do aeroporto da Coruña, a da praza maior de Madrid, o munipal de Pontedeume e de Miño.....
 Os premios foron para Noa Gorgullo de 5º de EP, Nerea Rodríguez de 2º ESO e María Varela de 3º ESO, estas dúas últimas rapazas cun empate de votos.
 Parabéns a todos os rapaces que puxeron o seu grao de área pola dinamización da nosa lingua.

Grazas por participar.


domingo, 10 de diciembre de 2017

II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DESCRITIVA


Co gallo de promover a nosa lingua, o equipo de Dinamización Lingüística convoca o seu II Concurso de Fotografía Descritiva.

BASES DO PREMIO 2017

1. Organiza: Equipo de Dinamización Lingüística do CPR San José de Pontedeume

2. Participantes: todos os alumn@s do colexio a partir de 1º EP

3. Premios: Haberá dous premios , un para a categoría de EP e outro para a ESO.

                Todos os participantes levarán o seu diploma acreditativo.

4. Temática: a árbore de Nadal.

5. As fotografías deberán ser orixinais, non tiradas de ningunha web, ademais  realizada polo propio rapaz, así como a súa descrición que será integramente en galego. De non ser así quedaría excluída do concurso.

6. O prazo de presentación rematará o 14 de decembro

7. O xurado estará composto por todo o profesorado do CPR San José

8.  O luns 18 farase a entrega de premios na Biblioteca á hora do recreo. As fotografías  gañadoras serán a felicitación de Nadal deste Equipo.

9. Formato: a fotografía e a descrición non deberán superar o tamaño A4, e o nome e curso do/da alumn@ irá por detrás.

 

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!

lunes, 20 de noviembre de 2017

ADIVIÑA ADIVIÑANZA

Desde hai unhas semanas temos a  nosa árbore chea de adiviñas tradicionais.
Todos os nenos e nenas estades convidados a probar sorte adivinando as respostas, moitos dos vosos compañeiros xa o intentaron.
Mirade as imaxes, pois dan moitas pistas para dar coa solución.
Aquí deixamos unhas imaxes para que vos fagades una idea do que está a acontecer diante da "Nosa Árbore da Lingua".







lunes, 13 de noviembre de 2017

DINAMIZACIÓN DA LINGUA A TRAVÉS DA CIENCIA

Os alumnos de 4º ESO, con motivo da semana da ciencia , realizaron un proxecto de esta área coa profesora Rocío Gómez, no que a lingua galega foi o idioma vehicular do mesmo.
Con este proxecto , e moitos máis, quérese poñer de manifestó que a Lingua Galega está en todos os ámbitos de estudo e traballo, non soamente ligada as áreas humanísticas.
Para rematar o proxecto fixeron algo tan fermoso como a destreza do diamante no que quedou patente o uso da lingua vencellada á ciencia.

Parabéns!




AS NOSAS PEGADAS 
Estamos inmersos nun proxecto de xenética.
Para comezar, estudaremos un dos caracteres máis famosos: as pegadas dactilais.


Os alumnos, en grupo cooperativo, investigan sobre as pegadas: se nacemos con elas, como se forman, se hai forma de alteralas, por que as utiliza a policía, por que serven como proba xudicial e outras, foron as preguntas e curiosidades que se plantexaron.


E, como son as miñas pegadas? 
Aplicamos o método científico.

Plantexado o problema, procedemos a imprimir as nosas
pegadas nun folio. Cada un analiza a súa pegada e a
identifica cun dos tipos.

Pegadas dos alumnos
Finalmente, facemos un reconto e análise dos resultados.

Dos 18 alumos da clase:
9 presentas pegadas tipo lazo, 3 tipo espiral, 3 tipo arco e 2
complexas. É dicir, que o 50% da clase ten o tipo de
pegadas que resulta co que é máis común.

domingo, 5 de noviembre de 2017

UNHA SEMANA CHEA DE HISTORIAS NA BIBLIOTECA


Con motivo da semana dedicada ao Samaín, todos os nenos e as nenas do colexio tiveron a oportunidade de gozar duns conta-historias moi particulares: os seus compañeiros de Secundaria. Durante todos os recreos da semana pasada, a Biblioteca do colexio encheuse de historias dos tempos de María Castaña, de contos de meigas, de medo, da Santa Compaña... que foron a ledicia dos máis pequenos e non tan pequenos.

A actividade foi promovida polos equipos da Biblioteca e Dinamización Lingüística, así puidemos escoitar as narracións tanto en galego como en castelán.

Agradecemos a alta participación dos “conta-historias” porque sempre é un pracer observar como o alumnado se implica neste tipo de tarefas a prol da escritura.

Grazas aos autores e tamén aos oíntes.




martes, 31 de octubre de 2017

QUE NON CHE CONTEN HISTORIAS, AQUI TEMOS O SAMAÍN!

O Samaín é  unha celebración de orixe celta que o cristianismo transformou no Día de Todos os Santos. Esta festa levaba unhas décadas esquecida, pero  nos derradeiros anos estase volvendo a recuperar grazas ao traballo realizado nas escolas, como a nosa,  e en varios concellos de Galicia. 

A noite do 31 de outubro comeza o Ano Novo celta, remata o verán e entra o inverno. Nesta noite as ánimas dos mortos atravesan a puerta que separa o mundo dos vivos e dos mortos e visitan as casas das súas familias para quentarse e tomar algo de alimento

Pois ben, nós quixemos celebrar esta tradición decorando cabazas, facendo bandas deseñadas onde os protagonistas eran os personaxes máis terroríficos do Samaín ,como a Santa compaña, meigas, trasnos..... mesturados con elementos do magosto como ourizos, castañas, porquiños.......

Todos os nenos do colexio participamos activamente nesta proposta , pero o mellor case está por contar, pois xunto co equipo de Bibliotecas , estamos a participar nunha semana de contacontos de medo en lingua castelá, e de contos chamados de "María Castaña" en galego; non vos queremos adiantar máis , pero proximamente nos nosos mellores blogues teredes noticia desta actividade, así que a esperar un pouquiño.!





miércoles, 18 de octubre de 2017

QUE É PARA TI O GALEGO?

Esta foi a primeira tarefa que o equipo de Dinamización Lingüística encargou a todo o alumnado do centro, e como cabía esperar a resposta foi magnífica, todos os rapaces, desde EI ata 4º de ESO traballaron para sinalarnos o que era o galego para eles.
As respostas foron do máis variopintas, van desde "un tesouro que só temos nós", " a nosa identidade", "un idioma que só falan os avós" (isto doeu un pouco aos membros do Equipo), "unha canción que nos acompaña sempre" , " a brisa do vento que nos mece"..... Case todo, cousas marabillosas pero que nos gustaría que se levaran a cabo e foran verdade.

Como di unha profesora deste centro: " Que o galego sempre SUME e nunca ninguén o use para separar". Así que falade galego! Fagamos entre tod@s unha lingua gande e fermosa.

domingo, 21 de mayo de 2017

TRAS AS PEGADAS DE CARLOS CASARES

O día 20 de maio, nunha soleada mañá en Ourense, reunímonos os diferentes coordinadores de Dinamización Lingüística de FERE, para poder ir tras os pasos de Carlos Casares nesa vila.
A cita foi ás once da mañá no parque de San Lázaro, que debe o seu nome a que alí se atopaba un Lazareto, é dicir, una leprosería.

A primeira pegada levounos ata onde se atopaba o café "El parque", alí Casares e Risco tiñan as súas tertulias xunto Tovar, Quessada, Lorenzo......Hoxe en día xa non existe ese café.
O noso guía foi Monxardín, profesor e grande amigo de Casares, así que a información dada era de primeirísima calidade.
Logo fomos ata a rúa na que viviu Casares coa súa familia, a cada paso que dabamos , Monxardín ía comentando como cada cousa cotiá lle valía a Casares como inspiración nas súas obras.
Así coñecimos como non puido viaxar ata a Unión Soviética coa súa muller e sogros porque no seu pasaporte poñía que non podía ir alí nin a Cuba, tamén que en Ourense había un señoriño (Xan da Coba) que tiña ínfulas de poeta e para que as súas poesías tiveran rima , inventaba palabras, chegando a non posuír nin una palabra entendible nas súas composicións.
Tamén nas obras de Casares estivo presente en todo momento a cidade de Ourense, e en cada lugar que percorríamos, podíamos ver os escenarios de "Ilustrísima", de "Deus sentado nun sillón azul" ou de "Xoguetes para un tempo prohibido".

Foron 20 placas as descubertas neste roteiro que estivo cheo de literatura e cariño cara un escritor que nos deixou demasiado cedo.


 
 

viernes, 19 de mayo de 2017

PARABÉNS POLO PREMIO DE RELATO CURTO DE COCA COLA

O día 19 de maio, no incomparable marco da Illa de San Simón, tivo lugar a entrega de premios da 9º edición do concurso de Coca-Cola de Novos Talentos Premio Relato Curto.
Nunha fermosa ceremonia onde houbo mini representacións de teatro que servían de enlace para a entrega de premios, alzouse co segundo  a nosa alumna de 2º ESO, Pilar Fernández Pascual.
É un orgullo inmenso que a nosa mocidade se interese pola literatura e en concreto pola arte de escribir.
Desde aquí felicitamos a Pilar e animámola a que continúe a escribir deste xeito, así este non será o seu último premio.
Parabéns Pilar!.


V Concurso Escolar de poesía Rosalía de Castro




A Fundación Rosalía de Castro e El Corte Inglés convocan o V Concurso Escolar de poesía para o alumnado de Secundaria e Bacharelato
Categorías:
1º ciclo da ESO (1º E 2º)
2º ciclo da ESO (3º E 4º)
Bacharelato
As deberán ser orixinais e redactadas en Galego.
O tema e a forma poética son libres
A extensión máxima será de 50 versos, podendo estar reaprtidos en varios poemas.
Como participar?
Cada autor ou autora poderá presentar un máximo de dous traballos.
Remitiranse catro copias sen asinar de cada un dos traballos nun sobre pechado en cuxo exterior figurará o título da obra, a categoría na que concursa e un pseudónimo. No interior do sobre, enviarase unha nota co título da obra, nome, apelidos, curso e centro de estudos, domicilio e teléfono, así como un enderezo electrónico.

O prazo para presentar poemas estará aberto ata o 27 de maio
Os premios son, por cada categoría:
1º premio:  un iPad 32GB
1º áccesit:  unha tarxeta de agasallo de El Corte Inglés de 200 €
2º áccesit:  unha tarxeta de agasallo de El Corte Inglés de 100 €

Veña! animádevos a participar!

miércoles, 17 de mayo de 2017

CELEBRANDO AS NOSAS LETRAS

Un ano máis, e co gallo de celebrar a festa das Letras Galegas, todo o colexio participou desta data con grande entusiasmo.
Días antes e en cada aula, os profesores e profesoras demos a coñecer a grande figura do hoxe homenaxeado Carlos Casares.
O día escollido para festexar a data das Letras Galegas foi o martes 16, e comezamos o noso festival da man das alumnas Cristina Calvo e Sofía Allegue que nos deron a coñecer todo o que o equipo de Dinamización tiña preparado para ese día tan especial para todos.

Foi o mismísimo Carlos Casares de rapaciño o que nos mostrou, a través dunha carta, os seus desexos cara o futuro. O noso escritor foi interpretado maxistralmente  por Antón Cao.

De seguido, os rapaciños de 3º e 4º de EP fixeron que gozásemos coa súa interpretación da cantiga "A lúa".

O teatro infantil  foi un dos xéneros cultivados por Carlos Casares, e para esta ocasión, rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO interpretaron a peza "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas".


Despois da peza teatral, chegou o tempo da música, e que mellor que escoitar a peza tradicional  a "Muiñeira de Vilanova", interpretada por un grupo de profesores e alumnas .

Pero a música non remataba coa actuación anterior, os alumnos de 1º ESO interpretaron a regueifa que presentaron no concurso "Enregueifate", titulada "A nosa Lingua".

Carlos Casares, interpretado por Antón, volveu subir ao escenario, pero esta vez de adulto, para dicirnos que os seus soños de pequeno se cumpriran, con moito esforzó e traballo.

Chegou case o final da celebración, e que mellor que rematala co noso Himno.

Pero a festa rematou no patio, gozando todos xuntos dos xogos tradicionais.

E ata aquí e un ano máis, a celebración das Nosas Letras, na nosa man está non telas que celebrar un só día, o galego hai que celebralo todos os días pois é algo que nos une e identifica a todos os/as galeg@s.









sábado, 22 de abril de 2017

LEMOS EN GALEGO!

Con motivo do Día do Libro, desde o Equipo de Dinamización Lingüística animouse aos rapaces a que contaran cal é a súa lectura favorita na nosa lingua.
A participación foi moi boa , compo podemos comprobar nos diferentes títulos que nos achegaron:O Principiño, O inspector Chumbo, Últimas tendencias,Palabras de auga, A chave dos soños, O anel, Quen vai coller a pelota?, Melaneo e os paxaros ......e así moitos máis.´





Martín Tenreiro de 4º de EP achegounos un fermoso poema para animar á lectura como podedes comprobar:


Tamés na "IX Feira do Libro", convocada polo Equipo de Biblioteca do colexio, demostrouse que aos rapaces lles gusta ler en galego, pois a súa escolla foi nesta lingua.

jueves, 23 de marzo de 2017

A REGUEIFA DA AULA DE 1º


Como se dixo no blogue de 1º de ESO , acabamos de rematar o proxecto sobre a poesía, pero o noso produto final era realizar unha Regueifa, sabedes o que é?

A Regueifa é un desafío oral improvisado en verso.

Polo seu carácter basicamente oral a súa orixe pérdese na noite dos tempos.


Pero segundo parece era tradición que antes do banquete de voda, a parella puxera a disposición dos que non foran invitados un bolo de pan chamado “Regueifa”, pois a maneira de ver quen era a persoa á que lle cabía o honor de repartilo entre os presentes era retarse dialecticamente entre eles, en verso, meténdose uns con outros, cos contraentes ou cos familiares de estes, para ver quen facía gala do maior enxeño e mordacidade.

Nós non metemos con ninguén, só queremos facerlle unha homenaxe á nosa lingua e como nos gustou a estrutura, e a rima (versos octosílabos con rima nos pares) creamos entre todos esta regueifa que esperamos que vos guste tanto coma a nós.



LETRA DA REGUEIFA (por se a queredes cantar )





1.-Esta é a nosa clase                                                                 5.-E nos Séculos escuros
é a clase de primeiro                                                                      querían falar galego
sempre estamos moi contentos                                                   pero non os deixaban
tendo lingua de primeiro                                                               remataban no talego

2.-Vivimos en Pontedeume                                                       6.-Chegou o Rexurdimento
         unha vila mariñeira                                                              Curros, Pondal e Rosalía
que cantamos en galego                                                                loitaron polo galego
    e bailamos a muiñeira                                                                  escribindo noite e día

3.-O galego é a nosa lingua                                                       7.-A lingua tívoo difícil
unha lingua moi fermosa                                                               emigrando sempre estaba
que ata Rosalía canta                                                                      dun día para outro
que cousa marabillosa!                                                                  Na rúa, non se escoitaba
 
4.-E na etapa medieval                                                                 8.-A lingua tívoo difícil
Todos falaban galego                                                                        os guais querían castelán
       E escribían cantigas                                                                    non nos quedamos sentados
Porque estaban no medievo                                                            e conseguímola restaurar

9.-A lingua tívoo dificil
Xa que foi moi perseguida
Pero os nosos heroes
Devolvéronlle a vida


sábado, 11 de marzo de 2017

XXVII CONCURSO DE CONTOS VILA DE PONTEDEUME

O concello de Pontedeume convoca un concurso de contos en lingua galega dirixido a todos os estudantes de Segundo Ciclo de ESO, Bacharelato e Ciclos de Formación de Grao Medio ou Superior.

Dende o Equipo de Dinamización Lingüística facemos un chamamento á participación, pois é una orixinal idea de sacar partido ás vosas dotes literarias.

Animádevos!


PARTICIPACIÓN NO CONCURSO DE RELATO CURTO DE COCA-COLA

Onte tivo lugar na Facultade de Filoloxía de A Coruña, a IX edición de "Novos Talentos ,Premio Relato Curto" promovido pola Coca-Cola.
Neste premio participan todos os centros de Galicia e vai dirixida ao segundo curso da ESO.

Como vimos facendo desde hai varias edicións, representantes do noso Colexio estiverón alí para participar. Neste caso foron Pilar Fernández e María Varela as alummnas escollidas, ambas alumnas de 2º ESO .

Chegaron nerviosas e decididas a sacar adiante o motivo que lles propuxeron este ano, debían escribir un relato sobre a seguinte frase : "Non vemos o que vemos, vemos o que somos", a frase estaba acompañada de diferentes fotos de paisaxes de Galicia.
Tiñas dúas horas para poner en marcha a súa imaxinación e dotes para a escritura.
Para nós , xa son as nosas gañadoras.

Mil grazas por participar.