martes, 15 de diciembre de 2020

UN NADAL EN GALEGO

Dende o Equipo de Dinamización Lingüística queremos que este Nadal vexades como a nosa lingua está presente en todos os ámbitos.
Para que sexa así, deixade que o Nadal entre nos vosos corazóns e reparta felicidade e lingua galega durante todo o ano.

Bo Nadal e Feliz Aninovo

Equipo de DL



viernes, 6 de noviembre de 2020

O GATO LAMBÓN

 

Esta vai ser unha nova moi especial. 

Durante o curso 2019-2020 os pequenos que  cursaron 2º de EP puxéronlle voz a "O gato lambón".

Ten moitísimo mérito xa que foi feito durante o confinamento. A súa profesora, Mónica Díaz, non quería que os raparigos perderan o hábito de facer algo todos xuntos, como facían nas aulas. Repartiu o texto entre os nenos , gravaron as súas voces e a mestra editou este precioso vídeo.

Aquí está o resultado, a desfrutar!



jueves, 5 de noviembre de 2020

O ROSCO DE OUTONO

 

 

 

 


Desde o equipo de Dinamización Lingüística propoñémosvos un xogo para que pasedes un tempo de lecer marabilloso.

Estamos en pleno outono, e xa que non podemos facer grande cousa todos xuntos, podemos xogar.

Aquí está un rosco con vocabulario do outono. 

Atrevédesvos a facelo? É moi sinxelo. 

 Debedes premer no enlace que está abaixo, levaravos a unha páxina de Educaplay, so debedes xogar e facelo cantas veces queirades para poder superar as vosas marcas.

Ánimo

https://es.educaplay.com/recursos-educativos/7523401-o_rosco_de_outono.html

 

viernes, 30 de octubre de 2020

O DÍA DE RICARDO CARBALLO CALERO

 


Hoxe, 30 de outubro, hai 110 anos nace en Ferrol Ricardo Leopoldo Ángel Gerardo Carballo Calero, o noso gran erudito da lingua galega.

Hai tamén moitos anos, que moitos amantes da lingua e literatura galega, pedimos que o Día das Letras Galegas fora dedicado a este escritor, e por fin chegou o ano.

Foi neste 2020 que a Academia decidiu homenaxear a Ricardo Calero, pero unha pandemia fixo que o seu día, o 17 de maio, non fora tan espectacular como debera. A data, quedou adiada para o día de hoxe, aniversario do seu nacemento.

Como tampouco nos podemos reunir nunha gran festa, como merecería o noso autor, no noso colexio lembrámonos de don Ricardo, coñecendo mellor a súa vida e a súa obra.

Todas as etapas educativas traballaron ao longo dunha semana en diferentes tarefas.

Os máis pequenos colorearon a súa biografía , a Real Academia Galega fíxonos chegar un material marabilloso para que os alumnos souberan quen foi este ilustre galego.




 

Outras clases fixeron contos coa súa vida, ou despois de ler un dos seus contos,animáronse a escribir para emular a Calero e mesmo deseñaron marcapáxinas con ilustracións do autor.



Os últimos cursos de Educación Primaria e toda a ESO , tras investigar a figura de Carvallo Calero, probaron sorte nunha especie de concurso, con rosco de letras incluído.

Os alumnos de 2º da ESO foron máis alá e fixeron eles mesmos os "roscos", na plataforma educativa "Educaplay". 

Invitámosvos a que entredes na plataforma e busquedes os roscos, de seguro que pasades un bo tempo facénndoo.








Todos os alumnos quedaron impresionados coa azarosa vida de Calero, empezou aos 16 anos a carreira de Dereito, aprobou unha oposición ao Concello de Ferrol, fixo outra carreira, a de Filosofía e Letras, aprobou as oposicións a profesor, pero o exame colleuno en Madrid e estalou a Guerra Civil, loitou no bando antifranquista e foi feito prisioneiro. Por este feito , acabada a guerra, non lle deixaron ocupar o posto de mestre.

Foi entón, cando empezou a escribir a meirande parte da súa obra. En Lugo, e grazas a unha amistade, traballou "non oficialmente", no colexio Fingoi.

Nunca se deu por vencido e moitos anos máis tarde volveu a opositar, conseguiu a súa plaza en Santiago, e exerceu no Rosalía de Castro e na Facultade de Letras.

Como veu que os seus alumnos non tiñan material para poder estudar a Lingua Galega, decidiu facer unha gramática e unha historia da literatura.

Magnífico Calero! O teu día chegou ao fin.

lunes, 8 de junio de 2020

SOMOS LIBROTUBERS


                      



Os mozos e mozas están parte do seu día en internet, visitando páxinas do seu gusto e seguindo a "influencers" e a "youtubers", que lles van indicando o que é máis "in" ou o que está "demodé" hoxe en día.
Pois ben, como este trimestre tocounos estar na casa, na materia de Lingua e Literatura Galegas da ESO, fixemos a nosa particular avaliación dos libros de lectura que nos tocaban ler como se os alumnos forar verdadeiros "youtubers", pero con algo interesante que dicir.

O primeiro que fixeron foi, por suposto, ler as obras, e logo facer un guión do que querian explicar ao seu público:
- Quen é o autor da obra?
- De que trata?
- Como se divide?
- Que quere expresar?
- Como son os personaxes?
- Pódese relacionar con outra obra?.....

E así , cada un/unha ao seu xeito, contáronnos obras que van desde Gerónimo Stilton, ata a poesía de Carlos Negro ou o misterio de Jaureguizar.
Só deixamos aquí un video, pero todos os entregados son merecedores de estar aquí.
Moitas grazas nen@s, fixéchedelo moi ben.


 









Para finalizar, dicir queCarlos Negro, o autor do libro de de 4º ESO , "Aplicación Instantánea", dedicoulles unhas fermosas palabras aos rapaces cando recibiu todos os "librotubers". Aqui volas deixo:
Boas tardes, Manuela:
Primeiro de todo, moito ánimo nesta situación excepcional, agardo que todo vaia ben, e que teñas saúde, e tamén os teus seres queridos.
Agradezo moitísimo este envío, porque detrás del hai moita ilusión e esforzo por parte do alumnado e tamén túa, como mediadora. Grazas por animalos a ler poesía,faime moita ilusión recibir estes vídeos do alumnado. Dálles os parabéns, gustáronme moito, están moi ben.
Unha aperta grande e ogallá algún día poida visitar o voso centro e darvos as grazas.
Carlos Negro



sábado, 6 de junio de 2020

POESÍA ENTRE LIBROS




Durante a semana pasada, os alumnos da ESO estiveron a facer unha tarefa sobre poesía. Esta vez era un traballo diferente, debían coller libros que tiveran pola casa e crean unha poesía cos seus títulos.
Evidentemente deberían ter un fío argumental, utilizarían conectores e engadirían palabras para que reproduciran sentimentos, porque diso se trata a poesía, de sentimentos.

Os rapaces responderon de marabilla a esta proposta , e , todos eles entregaron os seus traballos. Serían moitos para poñer nesta noticia, así que fixen unha pequena escolma por cursos para que vexades os poetas que tedes na casa.

En 1º de ESO destacamos a imaxe coa que empezamos esta noticia de Miguel Riveiros, tamén vos amosamos a obra de Claudia Riveiros:

Aquí temos a poesía de Alfonso Cadahía:
E o vídeo que nos deixa Martiño Tenreiro:




En 2º ESO podemos apreciar as obras de Diego Pérez , Rafael Dacoba e Ainoa Rivera:

 




En 3º ESO, contamos coa creatividade de Sergio Rodríguez e de Clara Zapatero, esta última en formato vídeo.


 




En 4º de ESO destacamos as obras de Cristina Calvo, Nerea Rodríguez e Paulina Tomé:






 




Espero que voa gustara este tipo de poesía , creada desde a casa e con toda a creatividade dos rapaces a punto para iniciar novas aventuaras.

sábado, 16 de mayo de 2020

17 DE MAIO 2020.......A LUZ DAS NOSAS LETRAS






Hoxe é 17 de maio de 2020, un día de festa grande para os que amamos a nosa lingua. Se fora un 17 de maio de calquera outro ano, pois un día antes ou un día despois celebraríamolo no salon de actos do noso colexio, con música, con literatura, con teatro .....e finalizaríamos cantando o noso himno todos erguidos e a pleno pulmón.
Pero, estamos en 2020 e  unha pandemia atacou o mundo que coñecemos, pero o que non vai é acabar nin con nós nin coas gañas de festexar as nosas letras, que tiveron que loitar moito por elas persoeiros como Rosalía, Curros, Pondal, Cunqueiro, Castelao, Ferrin e Ricardo Carvalho Calero, escritor a quen se dedica este ano as Letras, pero a súa celebración queda adiada para o 31 de outubro.

Imos empezar a nosa celebración cunha homenaxe aos escritores a quen se lles dedicou tal día coma o de hoxe. Non están todos pero esperemos que vos gusten a nosa escolma.



Seguimos agora cunha peza de teatro titulada "Razóns para querela". É moi especial, porque hai que ter en conta que foi creada expreso para esta circunstancia, que a familia que a fixo posible (os Tenreiro Vila) traballou con todo o seu ben facer e cariño.
Aquí están as razóns que temos algúns para amar a Lingua Galega.






Outra homenaxe que lle facemos á nosa Lingua é de parte de toda a nosa comunidade educativa, desde os raparigos máis pequenos ata os maiores que quixeron aportar o que é  o Galego para eles. Con palabras e sentimentos  presentámosvos a última das nosas escolmas:




Desde o equipo de Dinamización Lingüística queremos agradecer a todas as persoas que se puxeron á nosa dispoción para facer este traballo.
Lembrade que a LINGUA GALEGA é o que nos identifica como galegos, non deixedes que morra!
MIL PRIMAVEIRA MÁIS PARA A NOSA LINGUA!!!

sábado, 29 de febrero de 2020

ROSALÍA DE CASTRO, A ROSA DE CEN FOLLAS





Rosalía, a nosa rosa de cen follas, que segue tan viva hoxe coma o día do seu nacemento hai 183 anos, é homenaxeada no noso centro con este xardín, cheo de versos e cor.

Todo o colexio estivo arredor da figura da galega máis ilustre para mostrarlle a súa admiración por todo o que contribuiu á defensa de Galicia e da súa lingua.
Ricardo, alumno de 4º dee ESO recitou o poema "A rosa de cen follas" de Rosalía como representación da imaxe que lle queriamos dar este ano, crear un xardín de versos ao seu arredor.
Foi Martín de 1º de ESo quen leu un manifesto a prol da figura da escritora:




A súa persoa foi tan importante en tantos campos que ata temos no noso ceo unha estrela que leva o seu nome.
Non podemos esquecer que foi Rosalía, a primeira muller recoñecida que quixo que o galego estivera presente nas obras escritas, foi a pioneira do chamado Rexurdimento.
Debedes pensar que non o tivo fácil nun mundo, o literario, dominado polos homes. Pero ela foi, sen dúbida, a primeira flor que dou paso a xeracións de escritoras galegas.
Rosalia falou nos seus versos de emigración, de pena, de amor, de saudade, de opresión , de caciquismo, de desigualdade ...... temas que , desgraciadamente, non pasaron de moda.
E por isto é que necesitamos ser o que foi Rosalía, ela foi e é a brisa que move as nosas flores, a brisa que chega do pasado para falarnos do futuro, unha brisa que nos invita a ser rebeldes coma ela o foi, a pensar diferente, a manifestarnos en contra da inxustiza, a ser nós mesmos  sen adornos.

É desde aquí invítovos a facer que o legado de Rosalía, a fala, os versos, a alma de Galicia, non teña que buscar un día para ser celebrado; que sexa tan normal pensar, falar e escribir en galego que non lle teñamos que dedicar un día á nosa Embaixadora Rosalía, nin ao día das Letras Galegas.

Sexamos Rosalía todos os días, sexamos Rosas de Cen Follas.

viernes, 21 de febrero de 2020

DIVIRTÍNDONOS CO MANDADIÑO



Durante toda a semana estivemos disfrazándonos ao rítmo que non mandaba o noso Mandadiño.
Puxémonos panos na cabeza, divertidos pendentes, toquiñas aos ombreiros e orixinais mandís.
Aquí están as fotos dos pequerrechos ou non tan pequerrechos.





miércoles, 12 de febrero de 2020

POR FIN ESTÁ AQUÍ O MANDADIÑO!!








Un ano máis estamos desexando a chegada destas datas para encher o colexio de cor e diversión.
O Mandadiño deste ano é moi divertido, pois , verdadeiramente imos vir moi trapalleiros.

LUNS: traeremos un pano da cabeza
MARTES: uns pendentes charramangueiros, os nenos podedes traer pendentes de clip.
MÉRCORES: unha toquilla, chal..... calquera cousa para cubrir os ombreiros.
XOVES: un mandil!

Esperamos desde Dinamización que tod@s participedes e fagamos do colexio un lugar moi animado!

Que viva o Entroido!


miércoles, 29 de enero de 2020

A PAZ EN CINCO PALABRAS



Desde o equipo de Dinamización Lingüística propuxemos unha sinxela tarefa, definir a PAZ en tan só cinco palabras.
Os rapaces de todos os cursos participaron e colocaron a súa definición na silueta da pomba que preside a nosa árbore.

O raparigos de Educación Infantil crearon coas súas mans unhas vistosas letras coas que se nomeaba a PAZ. Velaquí o resultado: