miércoles, 30 de octubre de 2024

VISITA DE FRANCISCO CASTRO

 

O pasado luns día 28 de outubro, o autor Francisco Castro visitou o noso centro escolar para partillar co alumnado de 1º e 2º da ESO sobre dous dos seus libros máis coñecidos: Chamádeme Simbad e Xoán, Xoana. 


O alumnado destes cursos está a ler esas obras durante esta avaliación na materia de Lingua Galega.

Para prepararnos ben para esta visita, estivemos a pescudar algo de información relevante sobre a vida e a obra do autor. Asemade, preparamos unha batería de preguntas sobre aspectos que nos provocaban certa curiosidade: por que escolleu temas como o Alzhéimer ou a discriminación por razóns de xénero para as súas novelas? De onde ven a inspiración para escribir un libro? Seguen os escritores algún tipo de ritual no seu proceso creativo?




Partillamos durante un bo pedazo todos xuntos e desfrutamos moito da súa compañía e do seu bo humor.

Desexamos que a experiencia fose satisfactoria para todos e que poidamos repetir nun futuro.

Saúdos.




SAMAÍN 2024


 




Un ano máis, quixemos festexar co noso alumnado a chegada do outono e, aproveitando o Magosto, dende o Equipo de Dinamización Lingüística quixemos propor unha actividade tamén para festexar o Samaín, tradición celta que se exportou a Estados Unidos e acabou evolucionando ao Halloween actual. 

A proposta consistía en elaborar un mural decorativo de inspiración terrorífica. Coa axuda da profe Ana de Plástica, quen se encargou de elaborar o bosquexo do noso mural, o alumnado de 4º da ESO encargouse de pintalo con témpera. Para completar a decoración, cada curso encargouse dun obxecto decorativo. Así foi como repartimos o traballo:
  • o alumnado de EI pintou follas de outono para decorar a nosa árbore; 
  • o alumnado de 1º e 2º de EP pintou morcegos; 
  • o alumnado de 3º e 4º de EP pintou pantasmas; 
  • o alumnado de 5º e 6º de EP pintou lápidas e gatos negros; 
  • o alumnado de 1º e 2º da ESO pintou bruxas e druidas; 
  • o alumnado de 3º e 4º da ESO pintou cabazas;
  • e o alumnado de Ciclos Formativos colaborou elaborando os caldeiros das bruxas. 
Asemade, unha alumna de Ciclo trouxo a pantasma grande que podedes observar na marxe superior dereita do mural. Unha marabillosa guinda para o noso "pastel".

O resultado foi moi satisfactorio. Entre todos e todas conseguimos un precioso mural de Samaín que decorou hoxe unha das nosas paredes do patio mentres celebrábamos o tradicional Magosto.

Desexamos que todos e todas desfrutasen moito desta tarefa cooperativa e que o resultado sexa do voso agrado.

Feliz Samaín 2024.