martes, 10 de junio de 2025

EXPOSICIÓN SOBRE CASTELAO

 


O 2025 foi declarado o ano de Castelao con motivo da celebración do 75  aniversario da súa morte.

Con axuda dos traballos de cada etapa educativa do colexio, conseguiuse unha fermosa exposición na que se percorreu a vida persoal, artística, literaria e política do autor homenaxeado.

Foron os alumnos de 4º de ESO os ciceróns que levaron aos seus compañeiros a coñecer a traxectoria do autor de "Cousas".


O primeiro que fixeron foi mostrarlles a liña de vida do artista vinculada sempre á súa liña literaria , artística e política.

Logo mostraron e explicaron as portadas dos libros de Castelao, parándose nalgunhas para falar do que significaban, xa que eran obras por si mesmas. As portadas foron obra do alumnado de EP.



Xa na "Árbore da Lingua" puídose admirar os debuxos de Castelao, pero nesta exposición case cobraban vida porque foron recreados en fotografía polos alumnos de EI, e escritas co "humor e a ironía" de Castelao polos rapaces de 1º e 2º de EP.





 Por último, todo o público coñeceu da man dos rapaces de 4º ESO, que foron os encargados de facer este traballo, o que era a "Poesía Escurecida", unha técnica utilizada por moitos autores. Consiste en raiar a folla dun libro, neste caso "Sempre en Galiza", ata obter un poema coas palabras que non se raiaron. Por que se escolleu esta obra? Porque a día de hoxe segue a ser a obra literaria que estivo máis tempo censurada por contar a realidade da nosa terra.

Esta exposición levou tempo facela e montala, pero unha vez todo ensamblado , coñecemos moito máis a grande figura do noso Castelao, que loitou polo que hoxe gozamos en liberdade: unha lingua e unha forma de ser identificativa do pobo galego.




sábado, 17 de mayo de 2025

LETRAS GALEGAS 2025

 


A véspera das Letras Galegas, tivemos a nosa celebración no colexio. 

É a data máis esperada por todoos os que amamos a nosa lingua, pois hai un pretesto para celebrala e máis este ano cando son festexadas e homenaxeadas ás Cantareiras.

Este ano dedícase o Día das Letras  ás cantareiras, representadas por Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, Eva Castiñeira, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García, Prudencia e Asunción Garrido, integrantes estas catro das Pandereteiras de Mens pola súa contribución ao uso, conservación e difusión da nosa lingua e da nosa cultura.

A primeira actuación que tivo lugar no noso salón, foi xustamente contar a historia das Cantareiras , o porqué desta homenaxe, xa que cantando acontecementos cotiás, como segas, vodas, bailes....estaban a dinamizar a nosa lingua e facendo un aporte moi importante á cultura galega.



A segunda actuación foi a posta en escena a obra de Paula Carballeira "As Ferreñas", fermosísima peza teatral que contiña diferentes pezas musicais , interpretadas en vivo e en directo polas novísimas intérpretes.





Logo de estar moi atentos a esta marabillosa peza, chegou o momento no que as profesoras Mariana e María Montero, membros de grupos de cantareiras de sona importante como Lilaina e Aliboria, ensináronnos como é o traballo de recollida de pezas de boca de cantareiras máis vellas e de diferentes puntos de Galicia, despois, elas interpretaron a súa versión do documento visual que víramos previamente.


A penúltima actuación foi unha especie de acción de grazas dedicada ás Cantareiras,elas foron durante séculos as gardiás da tradición oral. A través das súas voces, transmitiron romances, coplas, cantigas e lendas. Cantaban mentres traballaban no campo, nas fábricas, nas feiras, nas festas e mesmo no loito. O seu canto foi sempre un acto de resistencia, unha forma de manter acesa a chama da nosa cultura nun mundo que moitas veces lles deu as costas.

E para finalizar, como xa é costume, poñéndonos todos en pé cantamos o noso himno, a representación da galeguidade.

Para os que amamos a lingua galega, a que a temos como ser identificador de ser galego, o día das Letras ten un sabor agridoce; é marabilloso ter un día no que se festexe que temos unha lingua e unha literatura, pero non deixa de ser triste que só se celebre un día; se a falaramos a cotío, se a lingua formara a nosa identidade, non teríamos que esperar ata o 17 de maio para celebrala, todos os días sería unha festa da lingua.
Falemos galego aínda que sexa mal, pero ....falémolo!

jueves, 17 de abril de 2025

CANTIGAS PARA NAMORAR

 

 Os rapaces de 3º de ESO viviron o segundo trimestre inmersos na Idade Media nas aulas de Literatura Galega. A parte marabillosa desta vivencia foi facer o seu propio "Cancioneiro de amigo".

O primeiro que tiveron que facer os rapaces e rapazas foi aprenderse todas as características deste tipo de Cantigas: Son breves cancións postas en boca duna muller namorada. Teñen unhas características temáticas e formais diferentes do resto da lírica medieval, e proceden duna tradición autóctona do pobo, anterior ó trobadorismo.

Nelas, a natureza ten un papel relevante, e presenta un valor simbólico.. A muller expresa a súa paixón amorosa, máis chea de dolor que de gozo, a súa sumisión ó seu "amigo" , ou ben a oposición da nai a ese amor. A muller diríxese á súa nai, á natureza, ó seu amado, á unha amiga confidente, etc.

-Forma das cantigas de amigo:

- o paralelismo: enlaza as estrofas de dúas en dúas, facendo que os versos da segunda estrofa sexan unha pequena variante dos versos da primeira estrofa.

- o leixaprén: consiste na repetición dos segundos versos dun par de estrofas como primeiros versos do par seguinte.

-o refrán: é a repetición dun ou máis versos ó final da estrofa, sen axeitarse á medida dos demais versos e, ás veces, tampouco á rima.
  

 -Variedades das cantigas de amigo:

      Mariñas ou barcarolas: son aquelas cantigas nas que atopamos a presencia do mar que, non só aparece como escenario, senón que aparece personificado e, moitas veces, é o interlocutor da muller.

     Bailadas: son as cantigas de amigo máis ledas, e nelas exprésase a alegría de vivir e de amar, con frecuentes incitacións ó baile.

     Cantigas de romaría: preséntannos o ambiente das festas campestres a carón da ermida, a moza agardando a asistencia do amigo á romería, laiándose da súa ausencia ou bailando coas compañeiras.

    Albas e alboradas: son aquelas cantigas que teñen como asunto a separación dos amantes ó mencer.
 

Velaquí algúns exemplos:









jueves, 3 de abril de 2025

48 HORAS EN GALEGO


 Este 2025 xa é a terceira edición deste proxectiño chamado "48 horas en galego". 

Decatámonos que cada vez vai a máis a desgaleguización da rapazada, cústalles moito falar en galego, mesmo nas aulas de Lingua; é por iso que é necesario que sintan na súa propia carne como é falar galego sempre, comprobarán que serve para todo e que non é nin moito menos unha lingua de segunda.

O primeiro que se fixo, a modo de recordatorio, foron unhas chapiñas que tiñan que levar postas as 48 horas, así todo o mundo decataríase do proxecto e falarían en galego cos rapaces.



O segundo paso foi asinar o compromiso de realizar esta actividade :


Cando pasaron as 48 horas, cumplimentaron unha memoria. Había todo tipo de respostas, a maioría levou moi ben o de falar galego sempre, de feito todos puxeron que o segundo día xa falaban con naturalidade, sen traducirse.

Uns poucos esquecéronse en determinadas situacións, cos amigos que non o falaban, nos adestramentos, nas actividades de pola tarde...... pero foron os menos.

O final da actividade chegou cando os pais tamén avaliaron a actividade, de como viviran esa situación.

O mellor é que todos dixeron que fora unha boa experiencia e que se tiña que facer máis a miúdo.

Así que xa sabedes, en lugar de 48 horas, pode ser unha vida en galego!

domingo, 9 de marzo de 2025

CONCURSO NOVOS TALENTOS, DEZASEIS ANOS DE CREACIÓN


 Como cada ano por estas datas, algúns dos alumnos máis talentosos en escritura creativa de 2º de ESO, enfróntanse ao reto que lles propón o Concurso de novos talentos de Coca-Cola.

O estímulo deste ano foi moi orixinal, pois tres palabras que non existen en Galego aparecían na pantalla dos seus ordenadores.

Foron momentos de tensión ata que entenderon que debían usalas como se existiran de verdade e dándolles o significado que cada un deles quixera.

Durante dúas horas escribiron os seus relatos e todos quedaron satisfeitos polo resultado final.




Moita sorte!

sábado, 1 de marzo de 2025

ACOMPAÑANDO AO MANDADIÑO


 

Durante toda a semana previa ao Entroido, fixemos caso ás ordes do Mandadiño e vestímonos como verdadeiros entroidos.

Corría algo de frío no patio, pero MAndadiño sempre estivo arroupado por rapaces e rapazas que lle daban calor:







A ver que sorpresas nos traerá o Mandadiño o próximo Entroido!

lunes, 24 de febrero de 2025

DÍA DE ROSALÍA 2025


 Como cada 23 de febreiro, en todos os recunchos de Galicia, celébrase o día de Rosalía de Castro, a embaixadora máis internacional das nosas letras.

Hoxe, un día despois, celebramos esta festa no noso colexio; este ano temos a unha Rosalía heroína cuxa arma secreta é a PALABRA.

Rosalía é unha autora que esta de actualidade por moitos anos que pase, no seu tempo falou do problema do machismo, da emigración, da saudade por saír da patria, das desigualdades sociais..... . Entón o que fixemos en todas as clases foi analizar os versos da autora e os que poderían ser escritos hoxe en día, plasmáronse nun papel e construímos unha fermosa estampa.




O acto propiamente dito foi presentado polo compañeiro Pablo que nos fixo un resumo do ideario de Rosalía.


De seguido, Cayetana e Héctor leron un manifesto no que facían fincapé en estar orgullosos do que temos, do que somos e da lingua que falamos.


Finalmente, para rematar o acto, tivemos a actuación do coro do colexio que interpretaron "Adiós ríos, adiós fontes", puxeron un punto e final brillante.




Pero a celebración continuou á hora de comer, xa que como todos os anos, compartiuse un riquísmo "Caldo de gloria".




Para rematar, só lembrar unha reflexión de Rosalía: "BEN OU MAL, FALADE GALEGO"